Sobre ‘News from Home’, de Chantal Akerman (Vigo, 18–11–22)

Adrián Viéitez
3 min readMar 15, 2023

--

News from Home, de Chantal Akerman

As repeticións da auga nunca devolven unha forma idéntica. No último e longo plano de News from Home, Chantal Akerman filma a baía de Nova York a medida que se alonxa dela, imaxinamos, a bordo dun barco. As pequenas ondas que xera a embarcación golpean as rochas cun movemento acompasado, mais nós sabemos —porque a auga nunca é idéntica a si mesma— que cada unha delas é levemente distinta á anterior.

No interior das cidades, esa certeza faise algo máis difícil de soster. Como sinala John Wilson en The Road to Magnasanti, a curta coa que abrimos esta sesión, os modelos de planificación urbanística contemporáneos tenden cara á racionalización do espazo, nun movemento de cálculo que desembocaría, en último termo —e adoptando unha pose algo fatalista—, na construción dun sistema de cidades absolutamente idénticas entre si. Cidades, dende logo, moi distintas á auga e ó imprevisible do seu movemento.

Se prestamos atención, non resultará complicado darnos conta de que a Nova York que filmaba Chantal Akerman a mediados dos anos 70 pode corresponderse con aquela cidade á que John Wilson se refire de forma continuada, esa Nova York que hoxe desaparece fronte á tecnificación do espazo urbano e a hipervixilancia. Pero a súa tese semella algo vaga nese senso, e a película de Akerman é unha proba flagrante de que a cidade de onte non era necesariamente un espazo máis amable que a de hoxe: en ambos casos estabamos á espera dun espazo que permitise a construción de comunidades de acción, dun espazo público que facilitase o encontro co outro, co ser querido que, en News from Home, está sempre a unha cidade de distancia.

Ambas películas manexan a cámara de xeitos moi distintos: John Wilson, coa súa cámara en man, da boa conta da axitación propia das cidades contemporáneas, e no seu retrato dos microespazos que simulan a realidade urbana tócanos moi de preto. O novo modelo de centro comercial, do que na nosa cidade temos un exemplo claro no novo Vialia, explica isto con claridade: no interior das súas paredes virtuais pódese facer practicamente todo o que unha vida de ocio e consumo pode chegar a imaxinar. É curioso, con todo, que estas maquetas urbanas —do mesmo xeito no que, no videoxogo dos Sims, o avatar simplemente desaparecía cando ía traballar— oculten tan só a parte dunha biografía que se transforma en tempo de produción.

Ese é o soño da racionalización urbana: o soño dunha estética baleira no que a suciedade e o traballo desaparezan do skyline. A película de Chantal Akerman queda mirando precisamente ós espazos baleiros nos que a cidade non repara ó planificarse: lugares como as rúas ou o metro que só están pensados como focos de tránsito. A forza de deixar descansar a mirada sobre eles, descóbrense como ecosistemas do día a día incapaces de desenvolver a súa potencia na medida en que nós, os cidadáns, os atravesamos sen prestar apenas atención ó outro co que os compartimos. Os nosos afectos están sempre noutro lado, no caso de Akerman, en Bruselas. Pero a súa vontade é a de integralo todo no ollo: que ó mirar os espazos que cruzamos no noso día a día sexamos capaces de devolverlles a súa integridade, a mesma que a planificación extrema, a explotación capitalista do público e o racionalismo urbano lles roubaran.

Ó outro lado do ollo, a rúa agarda coa mesma paciencia que a auga.

--

--

Adrián Viéitez
Adrián Viéitez

Written by Adrián Viéitez

still, still to hear her tender-taken breath

No responses yet